jueves, 5 de septiembre de 2013

ENTREVISTA a Javier de Rosende Roca con motivo da súa Ordenación Sacerdotal

 
Javier de Rosende Roca é natural da Parroquia de San Vicenzo de Os Vilares (Guitiriz). Despois de facer os cursos primarios, pasou a estudar ao Seminario de Mondoñedo onde fixo case toda a ESO. De alí, sentindo que o Señor o chamaba ao ministerio sacerdotal, marchou para o Seminario Maior-Teologado San Rosendo en Santiago de Compostela, onde fixo os estudos teolóxicos acadando o Bacharel en Estudios Eclesiásticos no Instituto Teólóxico Compostelano (ITC). Foi ordenado diácono por Mons. Manuel Sánchez Monge o día 23 de maio de 2010. Realizou a súa etapa pastoral na Unidade Pastoral de As Pontes e, actualmente, na Parroquia de Santa Marta de Ortigueira.

Javier, vai ser ordenado sacerdote o vindeiro sábado 7 de Setembro de 2013 a partires das 11:00h na S.I.Catedral Basílica de Mondoñedo, pola imposición de mans e oración consecratoria do Sr. Bispo da diocese Mons. Manuel Sánchez Monge.

Respondeunos a estas preguntas por escrito para o blog da Delegación de Pastoral Vocacional, que nos aceptou con moito gusto, e desexámoslle desde aquí moitas FELICIDADES na súa nova andaina como presbítero.

Que sente un cando está xa a menos dunha semana da súa ordenación?
 
O que sinto é unha alegría, estamos no Ano da Fe, e a fe é alegría, ilusión; saber que a túa ilusión de ser sacerdote se vai a cumprir. Ó mesmo tempo sinto unha responsabilidade moi grande para anunciar a fe ás comunidades ás que serei enviado. Ser ordenado sacerdote é a maior ilusión que tiven ao longo da miña vida.
 
Como descubriches a túa vocación?
 
A miña vocación non foi nun momento determinado, eu descubrin a vocación pouco a pouco, primeiro como monaguillo na parroquia e logo no seminario menor e madurada no seminario mayor. A miña vocación podemos dicir que foi un proceso no cal fun madurando que Deus me chamaba a ser sacerdote.
 
Como resumirías a túa experiencia no Seminario?
 
A miña experiencia no Seminario menor e maior foi moi boa, xa que alí puiden compartir e descubrir que Deus me chamaba. No seminario menor descubrín por medio dos formadores a verdadeira fe, unha fe madura.
 
No seminario maior era un clima moi familiar e un clima universitario, onde os rapaces queríamos ser sacerdotes, e alí sentinme moi contento por compartir a ilusión de ser sacerdote, a ilusión por transmitir a fe, a ilusión de levar a Deus ante os fieis cristiáns. O paso polo seminario foi unha etapa na que fixen moitos amigos e na que descubrín plenamente o que quero facer ó longo da miña vida. Sen lugar a dudas, o seminario foi a miña casa, onde dende 2º de ESO ata os 25 anos, me fun formando ata cumprir o desexo de ordenarme cura.
 
Que persoas influíron máis na historia da túa vocación?
 
As persoas que mais me influíron na vocación foron os sacerdotes da miña parroquia e os sacerdotes-formadores dos seminarios menor e maior, porque me trataron como un amigo e ós que trataba como amigos, facendo que un rapaz pequeno tamén tivese a ilusión un día de ser sacerdote. Tamén a miña familia e algúns amigos.
 
Que significa para ti ser sacerdote?
 
Para min ser sacerdote e ser aquel que vive unido a Deus e o transmite ante os demáis. O sacerdote actúa en nome de Cristo, polo tanto, o sacerdote no día a día a través das súas accións o que fai é facer presente a Deus no medio da comunidade, sobre todo nos sacramentos. Ser sacerdote é sentirse libre para anunciar que amar a Deus non é algo negativo, senón que é unha cousa moi apaixoante e que se descubre cando realmente se ama.
 
Cales son as cousas que máis medo che dan?
 
Non estar a altura do que ser sacerdote significa. Estamos nun mundo en constante evolución e o sacerdote debe de transmitir que Deus nos ama e que, onde se descubre o misterio do ser humano, é en Deus. O sacerdote debe de saber transmitir o mensaxe liberador de Deus ós demais fieis cristiáns.
 
Cales son as túas grandes esperanzas como sacerdote?
 
Intentar que aqueles que se acerquen pola parroquia descubran que amar a Deus é o mellor que lle pode pasar ó ser humano. Loitar ademais por un mundo mais xusto e onde a paz sexa algo importante. 
 
Como vive a túa familia o acontecemento da túa Ordenación?
 
Creo que moi felices por poder contar con un familiar crego, e, a nivel máis familiar moi felices porque un fillo descubre que Deus o elixe e lle da un encargo que será moi bonito e ilusionante. Como cada familia, a miña, quere o mellor para min, e por iso se son feliz así, eles serán felices porque queira ser sacerdote.
 
Cales serían os grandes retos dun sacerdote novo hoxe?
 
Acompañar a persoas que perderon a ilusión na vida, e por iso non ven a Deus. O sacerdote debe de mostrarlles luz para cambiar baixo a perspectiva do Evanxeo, que é Boa Noticia, que é luz que disipa as tebras do mal e do pecado.
 
Cómo foi a túa experiencia pastoral durante estes anos, como diácono?
 
Moi feliz, porque estiven acompañado de sacerdotes moi válidos que me axudaron a formarme pastoralmente e a asimilar pastoralmente o que teoloxicamente aprendera no Instituto Teolóxico Compostelán.
 
Que cousas cambiarán na túa vida a partir da ordenación?
 
Mais ou menos igual, xa son diácono, polo tanto clérigo, e teño unhas obrigas como tal; o que poderá cambiar será que terei máis traballo e máis responsabilidade na parroquia.
 
Que lles dirías a aqueles xoves que se plantexan a súa vocación?
 
Que non duden de que Deus, cando chama, fai feliz a aquel elixido, e que non se deixe influenciar por quen non ama e sinte a Aquel que o elixiu. Somos raros para moitos, pero para Deus somos moi importantes, e por iso nos elixe para ese ministerio.

 
Máis breve:
Un defecto: testarudo.
Unha virtude: xeneroso.
Unha persoa: Benedicto XVI.
Unha película: calquera de risa.
Un libro: Las crónicas de Narnia.
Un momento: calquera coa miña familia.
Unha comida: paella.
Un lugar: a miña aldea de Vilasuso.
Un soño: a paz.
Unha palabra: perdón.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario